O paraíso
Fuco, 69, A Coruña
Nace cada día. No solsticio de verán máis cedo e no solsticio de inverno máis remolón. Tímido, preséntase dando unha luz cálida e inocente. Vaise facendo dono dunha raia infinita, que rende homenaxe a unha praia de area fina que sempre se coñeceu co nome da Ribeira. Avanza e déixase debuxar sobre augas mornas de ondas salgadas que van bicar a Ponte do Porco. Ao mediodía, pídelle permiso ao golfo ártabro para irmandar as vilas de Fontán, Carnoedo, Bergondo e Sada. Co solpor déitase tralos piñeiros de Breogán. Mañá será outro día para gozar. Sol, auga, terra e mar.