Poñerlle nome
Bea Camiña, 38, Cangas de Morrazo
Durante anos pensou que cambiar era empezar de cero. Marchar, romper, deixar atrás. Tamén cría que os soños chegaban un día, enteiros, brillantes, fáciles de recoñecer. Despois veu a vida. Os traballos que non eran, as présas, as dúbidas, a sensación de estar chegando sempre tarde, e ganas de deixalo todo. Pero seguiu. Seguiu probando, aprendendo, caendo, facéndose caso. Ata que un día entendeu que ás veces cambiar é seguir, pero doutra maneira. Co mesmo corazón, con menos medo e cun oficio que, por fin, se parecía un pouco ao que soñara cando aínda non sabía poñerlle nome á felicidade.