CAST / GAL

Suspensa no Edén
Mala Fernández, 66, Ames

Floto ingrávida, suspensa na columna de auga. Unha luz dourada derrámase en cristalinos verdes e azuis profundos.
Observo, marabillada, burbullas que ascenden amodo, esferas iridiscentes que fuxen de min.
Un pardo bosque de algas peitéame agarimoso; peixiños prateados rodéanme, calmos; os sargos achéganse, curiosos.
A beleza rodéame. Estou en paz.
Unha xiba danza, esfúmase en tinta.
De súpeto, unhas mans sacódenme, agárranme con forza, arrástranme cara arriba.
A calma creba en berros. Golpes no meu peito. Unha boca descoñecida insufla aire nos meus pulmóns.
Tuso.
Regreso.
Respiro.
Síntome envolta en area e vómito.
Rescatáronme do Edén... Suspenderon o meu destino?
Compartir: