Plenilunio
Jacobo Vieites, 31, Arzúa
Sempre din que as persoas non cambian. Eu tamén o cría. Repetíranmo tantas veces que acabei por aceptalo: «Nunca deixarás de ser quen es». E, en parte, tiñan razón, ata que a vin. A lúa chea brillaba nos seus ollos coa mesma intensidade coa que ela me miraba. Desde aquela noite deixei de arrepentirme da miña natureza. Agora espero cada plenilunio con impaciencia. Cando asoman os meus cairos e o seu primeiro ouveo atravesa o bosque, corro cara esa loba que cambiou a única parte de min que seguía sendo humana: o corazón.