Cambio de escenario
Manuel G. S., 71, A Coruña
Demorara moito en volver a aquela cociña. Refregou os ollos. Non estaba soñando. Todo permanecía no seu lugar, tal e como ela o lembraba. A mesa de castiñeiro, no centro, coa baralla de Heraclio Fournier esparexida sobre o mantel de hule, os naipes xa desgastados de tanta brisca. Pendurada do teito, a solitaria lámpada que tinguía de sepia a vida nocturna. E, no recanto, a cociña de ferro, exclusivo adianto tecnolóxico para a época, compañeira morna nas tardes invernais. Enxugaba unha bágoa cando a megafonía do museo etnolóxico anunciou a hora de peche.