ACORDO DE CESIÓN DE DEREITOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL
I.- O obxectivo e principal premio do concurso é a publicación dun libro, razón pola que debe operar a presente cesión de dereitos. Prégase encarecidamente a todos os participantes que lean atentamente o seguinte documento antes de participar.
Se o autor non está de acordo cos seus termos, debe absterse de participar co seu relato.
A todos os efectos, entenderase que o participante consinte nos termos da cesión polo feito de aceptar marcando o recadro correspondente.
II.- Todos os relatos participantes poderán ser publicados na web do concurso, polo que esta cesión tamén comprenderá o necesario para que se realice esta publicación.
III.- Os dereitos morais pertencerán sempre aos seus autores, polo que quedan expresamente excluídos desta cesión.
IV.- Termos da cesión. Os participantes ceden a GADISA RETAIL SLU, GADIS, os seus dereitos de explotación derivados da obra presentada a concurso e, en concreto:
- Os dereitos de reprodución e comunicación pública, mediante a posta a disposición a través de internet, a efectos de que todos os relatos concursante poidan ser publicados na web do concurso.
- Os dereitos de reprodución por calquera sistema gráfico, mecánico, electrónico, reprográfico, dixital, ou de calquera outra índole; distribución en calquera formato ou soporte e canle, e mediante a posta a disposición gratuíta; venda; aluguer; empréstito ou calquera outra forma; comunicación pública a través de proxección audiovisual, representación escénica, emisión por radiodifusión, transmisión por cable, fibra óptica, con ou sen cable, sistemas telemáticos, dixitais ou online, incorporación a bases de datos, ou mediante calquera outro sistema; transformación, incluída a tradución e a adaptación a obra audiovisual ou dramática, ou outras obras derivadas, e en xeral, para todas as modalidades de explotación e medios de difusión coñecidos ao momento de se publicar a listaxe de autores seleccionados para formar parte do libro.
Inclúese ademais a cesión dos dereitos de edición en forma de libro, esxa tapa dura ou cartoné; tapa flexible; edicións económicas e/ou de peto, de luxo, ilustradas, especiais para empresas ou outras editoriais, para escolas, club, club dixital, CD-ROM ou outros soportes dixitais ou magnéticos; inclusión en coleccións ou en publicacións periódicas de forma parcial ou completa, e calquera outra modalidade coñecida ao momento de se publicar a listaxe de autores seleccionados para formar parte do libro. - A cesión é en exclusiva e con capacidade para ceder a terceiros.
- A cesión é de carácter gratuíto.
- O prazo da cesión é por todo o que permita a lei de propiedade intelectual e será válida para todo o mundo.
V.- Garantía de autoría e orixinalidade. Os autores participantes outorgan a GADIS unha garantía de autoría de orixinalidade das obras presentadas a concurso, declarando expresamente que son os seus lexítimos autores e que para a súa creación non se utilizaron obras de terceiros, declarando, ademais, que o relato non é unha obra derivada doutra cuxa autoría non lle pertence.
Garántese, de igual xeito, que a obra é inédita e que non foi presentada previamente a ningún outro certame.
Calquera prexuízo que se ocasione a terceiros polo incumprimento desta cláusula será de exclusiva responsabilidade do participante, quedando GADIS indemne de calquera tipo de reclamación. Se efectivamente GADIS tivese que responder ante reclamacións ou prexuízos, repetirá contra o participante, incluíndo os gastos de avogados e procuradores.