Papel couché
Estela, 44, Neda
Moira miraba engaiolada aquel papel couché que só caía nas súas mans cando acompañaba á súa nai á perruquería, un luxo que non sucedía moi a miúdo. Mentres a perruqueira peiteaba á mamá, ela enchoupábase de colorido e letras soñando con pertencer a aquel mundo. Ao chegar á última páxina, súa nai xa estaba amañada e tocaba marchar. Cando volveu ao salón de peiteados, abriu a porta, asegurouse de que todo estaba en orde, pasou unha man pola pila de revistas e, suspirando, colleu as tesoiras disposta a comezar unha nova xornada de traballo.