CAST / GAL

Diso non se fala
Josecho Vaamonde, 61, Melide

Benedicta volveu soa de San Adrián.
Traía o vestido manchado, os xeonllos feridos e os ollos postos no chan. A súa nai lavoulle as pernas en silencio. Cando quixo falar, tapoulle a boca coa man.
—Diso non se fala.
Calou Benedicta. Calou a casa. Calou Lugarderriba.
Pasaron os anos.
Soledad atopou o seu nome nun vello caderno.
—Que lle pasou a Benedicta?
Ninguén respondeu.
Soledad agardou. Despois abriu o caderno nunha páxina en branco e escribiu:
«Benedicta volveu soa de San Adrián».
Compartir: