Un novo aniversario
Alfonso, 56, A Coruña
Amencía aquel día de setembro cando coas túas maletas colliches o tren, deixando no andén bágoas de ledicia. Eras moi nova e ti sabías que necesitabas dar unha volta pola vida. Sabías que ao regresar sería cun corpo que necesitaba o cambio definitivo, o que desexabas dende que naquela tarde de marzo do teu décimo aniversario o balón de fútbol e os coches de xoguete quedaban apartados mentres pintabas as unllas de diferentes cores e peiteabas o pelo cunha calma reparadora. Morrera Uxío e xa nacera Saleta, un novo aniversario para dicirlle ao mundo que os cambios levan á felicidade.