CAST / GAL

Ondas
Abril, 19, Ordes

As ondas arrólanme. Apenas son capaz de mover o corpo. A auga comeza a inundar os meus pulmóns. Non son quen de respirar.

Pecho os ollos. Recordo a primeira vez que o vin. Chamaba por min. Quería fundirse comigo. Fuxín.

Recordo cando namorei. Os seus ollos azuis. Iguais ca el. Ao fondo. Bravo. Levouna en canto puido.

El sabíao. Queríame só. Queríame asustado. Queríame inerte.

Non recordo por que volvín. Non recordo por que entrei no seu xogo. Non recordo nada. Pecho os ollos.

Por fin auga e corpo. Un só ser. Déixome ir. As ondas abrázanme.
Compartir: