CAST / GAL

A casa
Ameixeira, 47, Cartelle

Volveu. Xa chegando usou un xeolocalizador, só había que levantar a cabeza para ver a torre, pero agachou a cabeza e mirou no móbil. Deulle vergonza.
Chegou. Baixaban as silvas por riba da porta e polo valo, o tellado bambeaba. Escada, fouce, galleta, poda... Non empregou buscador ningún, non esquecera o nome do angazo. Sentiuse contenta.
Entrou. Aínda que varias táboas do piso podreceran e brotara algún arbusto, o sobrado ofrecía unha estampa detida noutro tempo, en 1985.
Quedou. A reivindicación teórica e emocional deu paso á militancia. Sempre estivera impreso no seu corazón, os pés tardaron máis en sabelo.
Compartir: