CAST / GAL

Bolboretas
IRENE, 45, Pontevedra

Vivíramos un deses amores mozos que che poñen do revés. Nos que sentes que o corazón bule do peito, para barullar no bandullo. O destino teimaba con que estabamos feitos o un para o outro. Porén, todo rematou nunha caixa chea de retrincos insignificantes, e cartas enchoupadas en bágoas.
Unha tarde atopámonos. Ámbolos dous collidos das mans das nosas vidas. Recoñecémonos ao momento. Fixemos un leve aceno, e continuamos cadanseu camiño. Foi tan so un intre; mais, naqueles segundos, un primeiro bico, un quérote, varias verbas de amor, e moitas bolboretas... barullaron, e danzaron cos recordos.
Compartir: